1_Obradoiro Participativo do Campanario (A Coruña).
O obradoiro foi realizado dentro da iniciativa A Cidade dos Barrios e promovido no ano 2009 polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.Foi un traballo colaborativo realizado entre integrantes de Tecnoloxías Apropiadas, Hábitat Social, Macario Iglesias, Lucía Buceta e Felipe Riola, así como a colaboración de numerosos grupos voluntarios da cidade e centros sociais como o desaparecido Própolis.
O Campanario é un barrio de A Coruña creado polas autoridades municipais a comezos dos anos 60 do século pasado, nun intento de trasladar e agochar os diferentes focos de pobreza existentes na cidade naquel tempo. Para iso comezouse cun proceso de traslado de habitantes dende diversos puntos da cidade a un asentamento de nova creación sobre terreos que foron cedidos por particulares coa condición de que o concello os empregase para dotar de vivenda a xente sen posibilidades económicas. Sería preto desa zona onde pouco despois, a comezos dos anos 70, se procedería á instalación do vertedoiro de lixo.
No barrio destaca un forte contraste entre a súa vitalidade e a precariedade das condicións en que a vida se desenvolve, con evidentes carencias tanto a nivel de espazo público e servizos, como de vivenda. Os obxectivos fundamentais que nos marcamos para o obradoiro foron:
- Incentivar a participación cidadá a través de campañas de limpeza xa que os servizos municipais non entraban no barrio. Trátase de reforzar o movemento veciñal e a cohesión social no barrio malia o seu degrado polo abandono do concello.
- Visibilizar a situación, as carencias e as potencialidades: Emprégase o obradoiro e o seu proceso de difusión pública (conferencias, prensa, televisión, publicacións…) para sacar á luz tanto a existencia do barrio como as súas carencias e deficiencias, que deben ser coñecidas por toda a sociedade para poder ser mudadas.
- Mellora dos espazos Públicos e do edificio de servizos (centro social) presentes no barrio.
- Buscar a continuidade no futuro: Este obradoiro concíbese tan só como un primeiro paso, para a colaboración entre veciños, asociacións, colexios profesionais e as administracións competentes.
- Podes descargar un pdf co mais información do traballo aquí.
2_Obradoiro participativo en Feáns (A Coruña): Iniciativa para a recuperación de hortas urbanas.
O Val de Feáns foi durante moito tempo unha das principais áreas de hortas que daban servizo ós núcleos de poboación próximos á cidade de A Coruña. Nos últimos anos atopábase nun estado de progresivo abandono, producíndose un envellecemento da poboación e o aumento do número de vivendas tradicionais abandonadas nos núcleos. Este efecto reflíctíase no estado das leiras orixinariamente destinadas ó cultivo, que foron deixando de estar en uso ou se atopaban en estado de total abandono.
Ante esta situación de partida, e co obxectivo de fomenta-la ligazón e integración, tanto a nivel físico como social e de uso, entre o urbano e as preexistencias de orixe rural propúxose como estratexia a creación dunha área de hortas urbanas na zona. A actividade sería empregada como unha ferramenta de traballo para poder aborda-las múltiples facetas da situación dende diversas frontes.
Buscábase recuperar antigas hortas e terreos abandonados no Val de Feáns para poñelos de novo en uso e contribuír así á súa axeitada conservación e mantemento. Propuxemos que os propietarios de terras na actualidade sen uso as cedesen ou alugasen (finalmente os veciños optaron polo mecanismo de cesión) a persoas de calquera zona da cidade que estiveran interesadas en traballalas como hortas e cultivos. Estas pequenas parcelas permitirían o cultivo para autoconsumo así como vincular a elas actividades de lecer, culturais e educativas. Realizamos unha delimitación provisional da zona de interese ambiental e paisaxística en torno ao núcleo de Feáns. Dentro desa zona marcamos as parcelas que nunha primeira análise se atopaban en uso ou abandonadas. Era importante preserva-lo uso para as parcelas que xa o tiñan naquel intre e reactivar aquelas que estaban abandonadas.
Finalmente creouse unha Asociación de usuarios das hortas que está a xestionar o uso das mesmas de xeito autónomo.
Quixemos chama-la atención sobre a capacidade e necesidade de hibridación dos tecidos urbano e rural, co obxectivo da exploración de alternativas de futuro para as áreas rurais da cidade den Galicia, para podelas integrar con tódalas súas virtudes dende unha perspectiva da cidade e vida contemporáneas.
Este foi un obradoiro colaborativo dentro do programa de A Cidade dos barrios no que participaron arquitectos de Tecnoloxías Apropiadas e de Hábitat Social, así como Macario Iglesias, Felipe Riola e Alberto Fortes e outras moitas persoas que contribuíron co seu traballo e apoio ós que dende aquí agradecemos a súa adicación e compromiso.
- > Descarga o pdf con mais información deste obradoiro: 091203_maquetabarrios feans
3_Massó: Estudo de usos públicos e sociais para a recuperación natural e patrimonial do ámbito do Salgueirón en Cangas do Morrazo.
O estudo tivo como obxectivo analizar os valores e potencialidades dunha área singular e de grande significado para a identidade da vila de Cangas: como zona de especial interese tanto polas súas cualidades ambientais similares ó Parque natural das Illas Atlánticas e pola súa riqueza patrimonial (O complexo da antiga factoría conserveira Massó; así como pola súa posición xeoestratéxica para o desenvolvemento urbano da vila como para o desenvolvemento socioeconómico dentro da Ría de Vigo.
O Salgueirón atopábase baixo a ameaza dun proxecto privado moi agresivo de carácter residencial costeiro, cun centro comercial e un porto deportivo que destruía os valores naturais da costa así como a maior parte do complexo de Massó.
Froito da forte contestación popular xurdida ante estes feitos, e encargado pola concellería de urbanismo do Concello de Cangas, naceu no 2007 este co gallo de construir unha unha alternativa coherente e sostible de desenvolvemento para a zona.
Elaborouse unha proposta nas que se considerou o potenciamento da área a través da súa declaración como Parque Patrimonial ó conxunto natural e conserveiro e á súa vez potenciar e mellorar o seu entorno inmediato mediante usos compatibles.
A intención do traballo foi a elaboración dun planeamento que servise de pauta para o Plan Xeral de Ordenación Municipal, que aínda se atopa en fase de elaboración actualmente, para o cal se iniciou un pequeno proceso de participación con diferentes colectivos e persoas da zona, buscando consenso de todos os axentes implicados se ben neste aspecto.
O traballo for realizado por Alejandro Fernández de Tecnoloxías Apropiadas, Jose Manuel Sánchez e Xiao Varela, de Hábitat Social, Carolina García, Felipe Riola, Jesús Carrazoni e Antonio Palma.
- Podes descargar o documento completo aquí.