En Galicia existe unha falsa crenza: a construción con Terra non existe. Mais non é certo. Por toda Galicia construíuse con terra habitualmente ata hai poucos anos e, en nalgunhas comarcas, foi a construción habitual.
- Un extracto da investigación a podes descargar aquí: Construción con terra en galicia_artigo resumo_novembro2013
0_CONGRESOS E PUBLICACIÓNS
0.1_A ponencia “Arquitectura de Tierra en Galicia. Tapia en la Terra de Lemos” foi presentada no congreso de Restapia 2012 organizado na Universidade de Valencia en xuño 2012.
0.2_O articulo “Earth construction in Galicia: Rammed earth in Lemos region” foi publicado no libro: Rammed earth conservation (Editated by C.Mileto, F.Vegas, V.Cristini) e publicado por Taylorandfrancis group.
0.3_O artículo ·”Constructions with terróns in Alta Limia, Galicia: A lost sustainable architecture” (Construción con terróns na Alta Limia: unha arquitectura sustentable desaparecida) foi publicado no libro: Vernacular Heritage and Earthen Architecture (Património Vernáculo & Arquitectura de Terra: Contribuições para um Desenvolvimento Sustentável), editated by Mariana Correia, Gilberto Carlos, e Sandra Rocha) e publicado por Taylorandfrancis group. O libro enmárcase dentro do congreso CIAV2013 celebrado en Vilanova de Cerveira en outubro de 2013.
1_INTRODUCCIÓN
As áreas sedimentarias e as grandres depresións interiores de Galicia.
Galicia presenta unha xeoloxía con predominio de granitos e esquistos. Existen non obstante áreas xeolóxicas no territorio onde abondan os depósitos sedimentarios de orixe terciaria e cuaternaria: nas grandes depresións das provincias de Lugo e Ourense principalmente, pero tamén nos grandes ríos. Zonas moi singulares na xeografía galega pola súa escaseza: apenas o catro por cento do territorio; pero que permitiron a aparición de diversas actividades artesanais como a olería e a fabricación de tellas e ladrillos. Nas bacías mais extensas deu a posibilidade de erixir edificacións con terra cruda.
2_TÉCNICAS CONSTRUCTIVAS EN TERRA EN GALICIA
A terra vai ser usada na maioría das construcións tradicionais en Galicia: por unha banda, como mortero de unión nos muros levantados con estas pedras e como recubrimento de paredes interiores e exteriores (combinada ou non con cal). Por outro lado, na formación dunha ampla variedade de tabiques internos e externos dos que veremos algúns exemplos. Igual que no norte do Portugal, área similar á galega, as técnicas de construcción estructural en terra desenroláronse de maneira extensiva únicamente nos lugares onde o achado de pedra de calidade tornábase mais dificultosa. Éstas eran principalmente as depresións de Monforte de Lemos-Pobra do Brollón-Bóveda e a da Alta Limia, en torno a Lagoa de Antela. No resto das bacías e no resto do territorio, estas construccións solo acadaron desenrolos moi escasos, atopándose poucos exemplos de construcción con terra, no que nós puidemos coñecer ata o momento.
2.2_Tabiques de terra: Extensión xeográfica e clasificación por uso.
A construción de tabiques interiores e exteriores con terra estivo extendida por tódalas áreas xeografícas galegas, incluídas as zonas costeiras, aínda que foi mais visible nas chairas e depresións de Ourense e do sur de Lugo, así como en amplas zonas de Pontevedra. Son similares a exemplos do norte da península e do norte de Portugal. Podemos falar de dous tipos de tabique segundo a súa función dentro da vivenda:
– Tabiques interiores, que posibilitaron a división dos grandes espacios da primitiva casa labrega en espazos especializados. Particularmente se ten usado para independizar as alcobas da zona de estar.
– Tabiques exteriores, usados fundamentalmente para realizar o peche do muro de fachada que quedaba gorecido da chuvia nas solainas e corredores do andar das vivendas; tamén para pechar as extremas dos corredores e mesmo para pechalo polo exterior. Estes tabiques permitían a realización de peches en zonas da vivenda que non podían soportar o peso do habitual muro de pedra, facendo posible reformas moi básicas que melloraraban as condicións de vida dos seus moradores.
2.2.1_Tabiques de terra como cerramento estrutural
Algunhas veces atópanse vivendas construídas integramente con tabiques de terra a partires do primeiro ou segundo andar. Neste caso as paredes posúen unha estrutura principal con madeiros diagonais e verticais que serven de trabazón ó muro e de soporte ó tabique de terra. Exemplos deste tipo os atopamos en vivendas urbanas do casco vello da cidade de Monforte de Lemos ou de Ourense e tamén en vivendas campesiñas como en San Clodio, Ribadavia.
O seu uso foi sistemático nos muros laterais dos faiados e mesmo da plantas altas no val do Támega e particularmente na vila de Verín, onde aínda pódense atopar algúns exemplos. O sistema do pallabarro en verín está formado por pilares de madera horizontais e diagonais recheos e revocados con terra e cal. Son poucos os casos onde se conservou a estrutura de pallabarro, grazas normalmente a non ter nell. As rehabilitaciones
teñen sido practicamente nulas. O seu emprego podémolo achacar a razóns de índole económica e práctica, fronte o mais costoso uso da pedra.
2.2.2. Tipos de tabique de terra.
Son numerosos os nomes cos que se coñecen estes tabiques, dependendo da zona, dos autores e da súa configuración, diferenciándose polo tipo de recheo, a madeira da árbore (salgueiro, cereixeira, aveleira, castaño ou carballo) e as diferentes formas de unión entre os madeiros. Pode así mesmo intuirse unha evolución da técnica de construcción dos tabiques:
– Tabique trenzado ou encestado: É o menos común dos tabiques debido posiblemente a ser o mais primitivo, polo que foi desaparecendo e actualmente é difícil de atopar. Realízase cuns pés dereitos de forma redonda que van do solo ó teito sobre os que se van trenzando polas de salgueiro ou aveleira ata acadar unha estructura ben tecida. Logo comeza a cubrirse con capas de barro ata lograr unha superficie uniforme que finalmente se caleará. Puidemos saber de dous exemplos na comarca da Terra Chá, na provincia de Lugo e dun en Castro Caldelas, Ourense e doutros nos Tras-os-montes portugueses. Hoxe en día existen algúns artesanos en Galicia que recuperaron esta técnica para a realización de tabiques interiores para a bioconstrucción de vivendas.
– Tabique de pallabarro, o mais referenciado, ás veces se confunde e mistura co de corres. Está construído sobre unha armazón vertical de madeira formada por táboas de 10 a 20 centímetros de ancho por 3-4 de groso chamadas fitoiras ou cangos. As fitoiras únense entre sí con taborelas mais estreitas e delgadas, os bitoques, que se ensamblan horizontal e oblicuamente. Os espacios entre fitoiras enchíanse dun trenzado de palla amasado con barro, as lampreas, que se entrelazaban entre os bitoques ou mediante mangados de palla. As dúas caras da parede recebábanse con cal ou sábrego e branquexábase con cal. Utilizábase este tabique principalmente no interior das vivendas.
– O sistema mais habitual ó exterior, sistema mais avanzado que os descritos anteriormente, era o tabique de corres, chamado deste xeito na Terra de Lemos, ou de barrotes ou barrotillo. Consiste nunha serie de listóns estreitos de madeira, normalmente salgueiro ou polas novas de carballo -os barrotes-, de 4x3cm, bastante regulares e apenas separados entre si 1-2cm, armados sobre uns pés dereitos normales a eles que ían do solo ó teito e separados entre eles uns 10cm. Os barrotes van de pé a pé en posición horizontal. O espacio entre eles vai recheo de palla, ripios ou virutas de madeira; e revócase exteriormente con lar -arxila branca branquexándose con cal. Este tabique é moi habitual na Terra de Lemos, en toda a provincia de Ourense e o temos achado mesmo en vivendas urbanas na vila de Bouzas, en Vigo.
2.2.3_Muros de croios ou pelouros
O muro de croios ou pelouros non é unha técnica de terra estrictamente, pero nel a terra ten un rol fundamental. A súa extensión está restrinxida ás ribeiras dos grandes ríos e das proximidades dos glaciares das serras ourensás dos que se traen os croios dos seus leitos. Como o asentamento destas pedras non é doado en seco, para a súa colocación precísanse grandes cantidades de argamasa de barro. O resultado son muros que ás veces, no seu aspecto exterior poderían chegar a confundirse cun muro de tapia cunha grande proporción de pedras. Pero a súa técnica de construcción nada ten que ver. Existen poucos exemplos e hoxe é unha técnica extinguida.
2.4. Morteros e revocos de terra
Os morteros de barro eran habituais na construcción en Galicia, usados nos muros de cachotería, formado de pedras pequenas de granito ou xisto sen labrar, con moitas xuntas, co conseguinte risco de entrada de humidade polo que moitas veces eran revocados con barro e cal, deixándose á vista únicamente as grandes pezas labradas de cantería ou perpiaño presentes nos vans e nos esquinais. En zonas do litoral este revestimento de cal e barro recubría todo o paramento nas paredes mais expostas ós ventos.
2.5_Os muros de terróns da Alta Limia.
Na comarca da Alta Limia, no sur da provincia de Ourense aínda se conservan algunhas construcións realizadas cunha ténica orixinal desta área: os muros de terróns: trátanse de paralelepípedos de terra que se extraían directamente nas beiras da desaparecida Lagoa de Antela. Cortábanse as plantas da beira e as raíces quedaban soterradas e servían como armaduras dos terróns que eran coidadosamente extraídos en bloques e, unha vez secos -momento no que adquirían unha grande dureza-, servían, igual que si foran adobes, para o levantamento dos muros das edificacións. Os terróns non recibían ningún tipo de coción, eran usados en crudo.
Os muros de terróns realizábanse con alicerces de granito chegando as veces ata unha altura superior a 1 metro. Sobre o granito levantábase o muro de terróns asentado con mortero de barro sobre os que apoiaba o teito. Os esquinais reforzábanse tamén con pezas de granito.
Algúns muros de terróns tiñan unha estrutura particular con cimentación de granito e estrutura de troncos de árbores que sustentaba o tellado. Os troncos tiñan unha separación aproximada que rondaba o metro e partían directamente do chan ou do muro de cimentación. A separación entre troncos era recuberta cos terróns que neste caso non tiñan función estrutural se non unicamente de cerramento. Cos terróns relizábanse vivendas e construcións auxiliares como palleiros, particularmente nas áreas chairegas da bisbarra.
A técnica abandonouse definitivamente unha vez que a paisaxe da Limia foi totalmente transformada por mor da desecación da Lagoa de Antela para novos usos agrícolas, durante os anos 70. O ímpetu desarrollista da dictadura franquista fixo desaparecer un ecosistema de enorme valor natural facendo imposible a continuación da xa en decadencia construción con terróns. Do mesmo xeito se perderon un centenar e medio de construcións palafíticas que se erixían no grande lago. Cómpre destacar que non se coñecen outros exemplos de construcción con adobes ou outras pezas similares ós terróns noutras áreas de Galicia.
2.6_Tapia en Galicia.
A técnica da tapia foi utilizada para o levantamento de construcións en Galicia nas comarcas chairegas interiores de Ourense e Lugo principalmente, pero tamén se atopan exemplos noutras áreas do territorio. A importancia desta técnica en Galicia foi, non obstante, escasa. A construcción con tapia en Galicia non se diferencia doutras tapias peninsulares aínda que presenta algunhas particularidades. A súa orixe é descoñecida puidendo ter sido importada de León, Castela ou mesmo de Portugal. Esta técnica acadou o seu maior desenvolvemento na Comarca da Terra de Lemos, onde centramos o noso estudo.
3_CONSTRUCIÓN CON TAPIA NA TERRA DE LEMOS
A construcción en tapia na Terra de Lemos estivo difundida por toda a comarca ata as primeiras décadas do século XX. Hoxe xa non podemos atopar testemuñas que nos informen sobre as visicitudes da súa construción. Este patrimonio en terra é descoñecido para a maioría dos profesionais e da poboación. Non posúe ningunha protección patrimonial a pesares de que a cidade vella de Monforte de Lemos fose declarada conxunto histórico artístico xa en 1973. O patrimonio de terra vai deste xeito, paseniñamente, desaparecendo.
Antigos viaxeiros polas Terras de Lemos.
Aínda que hoxe en día o patrimonio de terra da cidade de Monforte de Lemos permanece oculto e descoñecido e, na maior parte dos casos pode pasar desapercibido para o viaxeiro, non foi sempre así. Reproducimos dúas das descripcións realizadas por autores dos século XIX e comezos do XX:
“Las casas son de asiento de cantería, paredes de tapial de tierra, balcones grandes antiguos de madera, sustituídos en las casas buenas por elegantes y cómodos miradores de cristal, tejados de teja y no de pizarra, como los que hemos visto desde el Bierzo acá y chimeneas cilíndricas blancas con cubiertas de pizarra.”
Descripción da cidade o día da chegada do ferrocarril a Monforte de Lemos o 4 de agosto de 1883. Becerro, R. 1883. De Palencia…
“Monforte, se se me permite da-las impresións que me produciu durante un rápido paseo pola vila, ten un aspecto que a distingue de calquera outra vila galega. Seméllase mais ás cidades de Castela. As rúas son largas e están bordeadas de álamos -árbores que non son comúns en Galicia- e as casas non son de granito si non de barro.”
Hartley, G. 1911. Un verán.en Galicia.
Extensión xeográfica da construcción en terra. A cidade de Monforte de Lemos.
A tapia exténdese pola parte baixa da comarca, alí onde os solos son de orixe sedimentaria. Cando o terreo se eleva, a tapia desaparece, estando mais presente nas áreas mais chairas. Atópase na maior parte dos concellos de Monforte e Bóveda, así como en partes dos de Sober, Pobra do Brollón e Pantón.
Nestas áreas a tapia non é a única técnica constructiva. Nalgúns dos lugares é maioritaria, noutros atopámola nunha proporción similar á cachotería de pedra; e noutros a tapia é residual. Moitas veces encóntrase edificacións mixtas con muros de pedra e tapia e incluso con incorporacións posteriores de ladrillo macizo e ladrillo perforado, a modo de secuencia cronolóxica do uso dos materiais. Coa tapia erixíronse a maioría das edificacións mais vellas dos lugares onde realizamos as nosas pesquisas, polo que é posible que a súa situación residual en moitos deles se deba á que foron desaparecendo xa que nos últimos 100 anos non temos constancia de novas edificacións. Nas entrevistas realizadas a persoas e persoeiros do lugar ningunha delas sóubonos confirmar a data de construción dos edificios feitos de tapia, facéndonos notar únicamente que “as casas sempre estiveron alí”. Solamente algún dos mais vellos lembrábase de ter visto levantar ós seus un valado en tapia cando eran uns cativos, pero non de ver vivendas.
Das escasas vivendas de tapia das que temos información da súa data de construción (son datos do catastro a partires de 1880), atopamos edificacións construídas fundamentalmente dende ese ano ata 1911. Ademais encontramos algunhas construcións de anos posteriores, ata os anos 40 (vivendas urbanas de tipo 3, como veremos a continuación). A partir de ahí non temos datos de novas vivendas en terra.
Monforte de Lemos (20,000 habitantes) foi dende o medioevo unha das principais cidades de Galicia, sendo hoxe a capital dunha extensa comarca de importancia histórica. A cidade naceu sobre un pequeno outeiro, hoxe dominado por un castelo -de cantería-, no cal atopamos moitas edificacións construídas mediante muros de cachotería, muros de croios e terra. Na idade media o asentamento xa se extendía pola chaira en torno do outeiro sendo as casas de muros de tapia na súa grande maioría. Os diferentes arrabales surxidos extramuros (Ramberde, Carude, Os Chaos, Abeledo, Morín) ó longo da súa historia foron levantados íntegramente en terra como aínda hoxe pode observarse. A situación mudou nas primeiras décadas do século XX, deixándose de construir primeiro vivendas e posteriormente abandonándose tamén o levantamento de valados e cercas por mor da chegada do ladrillo, que comezou a fabricarse na bisbarra de maneira industrializada xa en 1909 e sobre todo a partir de 1926. (La Galaica comezou a operar en 1909 en Sober, fabricando ladrillo macizo e oco; en 1926 empezou a Cerámica Rubián en Bóveda e a Fábrica García Rey de Canabal (ladrillo macizo e perforado)*.
3.6_As tipoloxías urbanas das costrucións en tapia.
Da selección de construccións atopadas fíxose unha clasificación tipolóxica distinguindo as vivendas urbanas, situadas principalmente en Monforte pero non solo, das vencelladas co agro:
– Vivenda urbana de tipo1, con planta terrea, andar con solaina e faiado: Constitúe o tipo mais antigo na cidade de Monforte, presente fundamentalmente tanto no outeiro como nos arrabales. Forma conxuntos de vivendas longas e estreitas en fileira, os rueiros. A tapia úsase nas muros medianeiros con luces de entre 4m e 6m de ancho. A fachada e traseira poden ser de tapia, de corres ou mesmo ás veces de cachotería na planta baixa, aínda que normalmente os alicerces non suben mais de 70cm.
-Vivenda urbana de tipo2, con planta terrea, pedra na fachada e dous andares con galería e faiado: Presente nas zonas nobles da cidade antiga. Son vivendas entre medianeiras de tapia con luces de ata 8m ou 9 m divididos en dous vans. As vigas apoian no medio nunha estrutura de madeira ou noutro muro de terra paralelo ás medianas. Normalmente a fachada é de pedra, ocultando a tapia. Incorporan nos andares galerías diante ou detrás segundo a súa orientación. Poden ser unha evolución do tipo1, que tomaría dúas unidade deste para facer unha vivenda maior.
-Vivenda urbana tipo3, de estrada con planta terrea, un ou dous andares mais o faiado: O derradeiro tipo é o mais moderno. Presenta unha tipoloxía moi similar ás vivendas de estrada de Galicia, surxidas do crecemento da cidade en torno das vías de comunicación, probablemente a finais do século XIX e principios do XX (abondan en Morín, nas proximidades da estación de ferrocarril e nas rúas de saída da cidade). Estas vivendas poden ter únicamente planta terrea ou sumar un ou dous andares, sen solaina nen galerías, aínda que ás veces teñen pequenos balcóns. Os muros son de tapia con alicerces de lousa. En moitas delas a fachada foi recuberta cunha estructura de formigón e ladrillo.
3.7_A vivenda rural en tapia.
Nas chairas presentan volumes prísmáticos rotundos e unha ancha solaina orientada ó sur. Moitas veces teñen un patio pechado ó que se accede mediante un portalón no que se atopan as dependencias agrícolas.A tapia é usada aquí nos muros exteriores da vivenda e nos muros de peche do patio.
Noutros casos as casas agrúpanse en pequenas illas coa tapia sempre presente nos muros exteriores. Os patios aquí desaparecen e as vivendas pódense asemellar algunhas veces ás de tipo1.
-Construcións auxiliares e valados: Igualmente que as vivendas rurais, moitas das construcións auxiliares, como os palleiros, son realizadas en tapia. Tamén en moitos cercados de fincas para o gando lenvantáronse tapias de ata dúas tapialadas e mesmo algunha de tres.
3.8_Composición e dimensión das tapias
As dimensións das tapias son moi variables:
– Nos muros de tapia oscilan entre os 45cm e 60 cm.
– Nas tapias das vivendas entre 55cm e 75cm.
Para as tapiadas a altura habitual é de 90cm, complementándose con outras de 50cm na edificación de vivendas. Nestes casos os largos poden oscilar normalmente entre os 210cm e 230cm. Noutros casos a tapiada ten unha altura de 75cm complementadas con outras de 45cm na construción de vivendas. Os largos neste casos oscilan entre 160cm e 195cm.
As tapialadas moitas veces atópanse separadas por lousas de pizarra cubríndose os muros de tapia tamén con estas mesmas lousas ou con tellas. A tapia protéxese da humidade mediante un muro de lousa que a eleva un mínimo de 30cm e un máximo de 70cm. No caso de vivendas o mínimo parte de 70cm chegando moitas veces a construirse en pedra toda a planta terrea. A composición da tapia é habitualmente moi xistosa con croios de ata 5-7cm.
4_CONCLUSIÓNS
Queda moito por facer no intento de conservar, difundir e mesmo retomar a técnica de construción en terra en Galicia, da que esta investigación quere ser un primeiro paso: pola contribuición ó coñecemento da súa riqueza patrimonial e polas repercusións que poida ter dar a coñecer as posibilidades dun material antigo e con baixo impacto ambiental nun ambiente a priori hostil.
5_BIBLIOGRAFÍA
-Álvarez, F. 1993. Construccións populares da Terra Chá. EUAT A Coruña
-AAP (Associaçâo dos arquitectos portugueses). 1988. Arquitectura popular en Portugal; 3 vol. Zonas 1 e 2. Lisboa.
-Bas, B. 2002. As construccións populares, un tema de etnografía de Galicia. Do Castro. A Coruña.
-Becerro Bengoa, R. 1883. De Palencia a La Coruña.
-Trigo González, A.B. 2004. Ámbitos e construccións do pan na Alta Limia. EUAT. A Coruña.
-Bohuier, A. 2006. Galicia: Ensaio xeográfico de análise e interpretación dun vello complexo agrario. CAGM. Compostela.
-Caamaño, M. 2006. As construccións da arquitectura popular: patrimonio etnográfico de Galicia. Hércules. Coruña.
-Carmona, X & Nadal, X. 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia (1750-2000). PBM. Coruña.
-Conde Valvís, F. 1959. La laguna de Antela y sus visicitudes arqueológicas. Boletín Auriense. Ourense.
-Correia, M. 2007. Taipa no Alentejo. Argumentum. Lisboa.
-de Llano, P. 1996. Arquitectura popular en Galicia. Razón e construcción. COAG. Compostela.
-Feduchi, L. 1977. Itinerarios de Arquitectura Popular Española. Blume. Barcelona.
-Fernández Palicio, A. 2010/2011/2012. Entrevistas sonoras gravadas realizadas a veciños da Terra de Lemos.
-Fernández Palicio, A. 2011. As telleiras de Valga e comarca. As fábricas de cerámica (1850-2011).
-Fonseca, I. 2007. Arquitectura de terraem Avis. Argumentum.
-Font, F & Hidalgo, P. 2009. Arquitecturas de tapia. COAT Castellón.
-Freire, MJ. 1998. Construcciones de tapia en las tierras de Lemos. Actas 2ª C. H. de la construcción. Coruña.
-Gómez Dorrio, A. 1998. Construcción tradicional O val do río Limia. EUAT A Coruña
-Guitián, T & Carballas,T & Muñoz, M. 1982. Suelos naturales de la provincia de Lugo. CSIC. Compostela.
-Hartley, G.1990. Un verán en Galicia. Galaxia. Vigo.
-Instituto Eduardo Torroja. 1971. PIET-70. Madrid.
-Lorenzo, X. 1936. Parroquia de Velle. Seminario de Estudos Galegos. Compostela
-Martínez, A & Pérez, A. 1999. Atlas climático de Galicia. Xunta de Galicia.
-Oliveira, E & Galiano, F. 1994. Arquitectura tradicional portuguesa. Dom Quixote. Lisboa.
-Rueda, J & Muezca, J. 2001. Sismicidad, Sismotectónica y peligrosidad sísmica en Galicia. IGN.nº35.
Pingback: CONSTRUCIÓN ECOLÓXICA [Casa-de-Terra +Tapia +Adobe +Madeira +Balas-de-Palla +Autoconstrución +Asesoramento]
Pingback: CONSTRUCIÓN CON TERRA EN GALICIA [Monforte+A Limia+Verín] –